SOUTULLO, DANIEL
Charles Darwin é, por dereito propio, unha das grandes figuras da historia da ciencia. A súa teoría da evolución por selección natural significou un cambio fundamental no mundo da bioloxía e noutros campos das ciencias sociais.
Coñecemos moi ben a vida e obra de Darwin grazas aos seus libros e á súa correspondencia. Con todo, fóra do mundo da bioloxía, a súa obra non é tan ben coñecida e a súa teoría malinterpretada en non poucas ocasións.
«Visións de Darwin» é unha recompilación de ensaios que debuxan a súa personalidade desde os puntos de vista biográfico, científico e social. Os ensaios teñen un carácter divulgativo e tamén permiten un achegamento crítico á súa vida e obra.
Daniel Soutullo (Vigo, 1957) é catedrático de Bioloxía e Xeoloxía. Ten unha longa traxectoria como divulgador científico e como ensaísta en bioética. Recibiu o premio de investigación en bioética da Fundació Víctor Grífols i Lucas de Barcelona polo libro «Biología, cultura y ética. Crítica de la sociobiología humana» (2005). Entre os Seus libros figuran tamén «De Darwin ao ADN» (1997); «La eugenesia. Desde Galton hasta hoy» (1997); «Os xenes e o futuro humano» (1998) e «Las células madre, el genoma y las Intervenciones genéticas» (2006). En Xerais publicou «Historia do ADN. 40 anos de revolución biotecnolóxica» (2016).