ASOREY, DANIEL
Transmatria é un libro contundente, comprometido, con versos que agroman do corpo e da súa capacidade transformadora. Os seus poemas constrúen unha escrita a favor da dignidade, das identidades sexuais e de xénero, empregando unha lingua que quere renacer, renovarse e ser libre. Este libro de Daniel Asorey Vidal abre un espazo sen muros, pon en valor a sociedade desposuída e bate en nós a través dunha mensaxe íntegra, chea de rebeldía, insumisión, vitalidade e futuro.
Daniel Asorey Vidal, profesor de lingua galega e literatura, é autor de artigos e libros de texto. No eido literario, obtivo o Premio Nélida Piñón (2018), o Certame de Narracións Manuel Murguía (2002), o Terra de Melide (2001) de Narrativa Breve ou o Certame Cidade Vella (1988). A súa novela Nordeste acadou o Premio Narrativa Breve Repsol (2016) e foi finalista dos Premios da Crítica de Galicia (2017) e do San Clemente (2017). As mulleres da fin do mundo (Xerais, 2019) foi finalista do Premio Xerais de Novela. O seu libro de poemas Transmatria (Xerais, 2019) recibiu o Premio Johán Carballeira.