A obra poética de Ramón Otero Pedrayo é unha obra rica e multiforme. Escritos entre 1925 e 1975, dos noventa e cinco poemas incluídos en Poesía, algúns moi extensos, vinte e cinco son inéditos. O libro recolle tamén poesía en castelán e poemas traducidos doutras linguas coma o latín, o francés e o alemán. Así e todo, e como advirte Alonso Montero na introdución, o volume "non ofrece a obra poética completa" de Otero Pedrayo aínda que recolla a totalidade dos poemas éditos e unha boa parte dos inéditos, pois non se inclúen poemas incompletos, ou en fase de borrador, do que é un corpus poético de manuscritos certamente grande. Trátase dunha compilación "representativa, no esencial, de Ramón Otero Pedrayo como poeta" xa que, como afirma Alonso Montero, "os textos que se exhumen no futuro limitaranse a reforzar e ampliar a figura e os acordes que o presente volume ofrece da súa poesía". Poesía como celebración e homenaxe, como meditación diante da paisaxe; versos goliardescos e de amizade arrequentados polo galego esplendoroso e inesgotable do seu autor.
Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) é unha das máis sobranceiras figuras da Historia da cultura galega. Membro destacado da Xeración Nós, a súa traxectoria vital e intelectual vai dende as cortes republicanas, nas que foi deputado galeguista, ata a presidencia de Editorial Galaxia, cargo que desempeñou ata a súa morte. Foi tamén presidente do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de Xeografia na Universidade de Santiago. Otero Pedrayo foi un escritor que cultivou todos os xéneros literarios, dende a poesía ao teatro, pasando pola novela, o relato, o xornalismo e, por suposto, o ensaio. Da súa obra literaria cómpre salientar as novelas Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930) e O señorito da Reboraina (1960), os ensaios sobre a paisaxe e a cultura de Galicia, o poemario Bocarribeira (1958) e a súa achega ao eido teatral.
Saber máis »