O bosque, eido primario onde a natureza impón o seu poder, está a ser penetrado por hordas de refuxiados de guerra. Proceden da Cidade, trasunto de civilización sepultada baixo a barbarie. Dous irmáns-paradigma, Hans e Greta, encarnan de seu a aprendizaxe da crueldade e o asedio á inocencia. Obra polimorfa, de múltiples rexistros (do western apocalíptico ao relato de iniciación) que se ensamblan nunha estrutura de sinfonía atonal. Novela de límites, de cuestións definitivas, da man dun autor que concibe a literatura como laboratorio de experimentación artística e discurso indagatorio no bosque do real.
Manuel Darriba Blanco (Sarria, 1973) é un dos representantes das novas tendencias narrativas da literatura galega. Autor das novelas Paf Xarope (1996), Outonos espectaculares (1998), Velada do billarista, que recibiu o premio Lueiro Rey de novela curta 2000, e Accidental (2003). Tamén escribiu o poemario Calor. Viaxou como xornalista a escenarios de Oriente Próximo, Cuba, o Sáhara e os Balcáns e, recentemente, obtivo o premio Julio Camba na súa modalidade de reportaxe.
Saber máis »