BLANCO DESAR, MANUEL
Galicia é o seu pobo. Galicia é un corpo social con personalidade de seu. Se o pobo galego avellenta e torna feble, Galicia tamén o fará. Desde esta óptica, o Instituto de Estudos das Identidades, encadrado no Museo do Pobo Galego, decidiu pór en marcha uns foros de reflexión e debate sobre o grave reto demográfico que afronta o País. Este libro nace desa iniciativa e das achegas dunha escolma de expertos e persoeiros que avalían as causas, consecuencias e remedios precisos que atinxen a nosa baixa fecundidade como ser colectivo.
Os desafíos non se superan ignorándoos. Tampouco este. Por iso, situar o problema na axenda e na ágora públicas resulta imprescindible. O compromiso co futuro do noso pobo demanda que se fale con paixón e rigor sobre como superar esta situación, na que levamos instalados máis de dúas décadas.
Galicia sobreviviu a unha chea de circunstancias adversas durante séculos, pero nunca encarou un reto semellante ao que vén padecendo desde hai anos. Morren máis galegos dos que nacen, e con ese déficit vital o País vai esmorecendo. Pero non é tempo de laios, nin de remorsos ou reproches. É tempo de espertar e traballar xuntos por unha Galicia vizosa e nova, orgullosa do seu pasado e afouta cara ao seu porvir.
Manuel Blanco Desar é membro do Instituto de Estudos das Identidades (IEI), creado polo Museo do Pobo Galego en 2005, co obxectivo de desenvolver liñas de investigación e intervención nos ámbitos que lle son propios ao Museo e desde unha óptica interdisciplinar. Neste sentido unha das súas pólas de actuación é a de contribuír ao estudo e á formulación de posibles solucións a problemas que teñan especial relevancia para a sociedade galega. En relación con este fin o IEI vén organizando regularmente uns foros de debate sobre temas de actualidade, como pode ser o problema demográfico. Outra área de actuación é o proxecto "Sons e Voces da Identidade", que levou á creación do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) para a recuperación do noso patrimonio oral. Os documentos incorporados ao mesmo poden consultarse na páxina www.apoi-mpg.org