Dióxenes en Dolorida, novela gañadora do XXX Premio Blanco Amor, narra as peripecias dun personaxe singular --misóxino e excesivo-- que chega a unha cidade costeira, Dolorida, tras un fracaso amoroso; vai fuxindo do recordo de Marta. Na vila, tres homes que pasan por momentos delicados das súas vidas deciden seguilo incondicionalmente, asumindo o seu liderado natural. Todos adoitan frecuentar Praceres, un establecemento orixinal que ten especial interese para as mulleres de Dolorida. A novela, escrita cun estilo áxil e directo e co humor como elemento destacado, ofrece unha visión desenfadada das relacións de parella. Gañadora do Premio Blanco Amor de novela 2012, a xuízo do xurado salienta "pola orixinalidade na construción do personaxe protagonista e pola recreación dun ambiente que flutúa entre o real e o paródico".
Ignacio Vidal Portabales (Santiago de Compostela, 1958) é profesor titular de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. No ámbito profesional, publicou varias monografías de temática xurídica, referentes ao dereito da publicidade e á sociedade da información. No eido literario, obtivo, na súa mocidade, diversos premios de poesía, tanto en lingua galega coma en castelán: Premio Universitario San Martiño Pinario (Santiago de Compostela), Premio Manxa (Ciudad Real), etc. En narrativa, gañou o Premio Blanco Amor con "Dióxenes en Dolorida" (Xerais, 2013). No ano 2014 unha das súas novelas foi seleccionada entre as dez finalistas do premio Planeta e quedou na cuarta posición; e en 2015, tamén chegou á final do Premio Fernando Lara. "O inspector e mais eu" (Xerais 2016) é a segunda novela que publica.