LUEIRO REY, MANUEL
Derradeira escolma ferida (de onte, de hoxe, de mañán) supón a derradeira achega poética do prolífico e comprometido narrador e xornalista Manuel Lueiro Rey (Fornelos de Montes, 1916 - 0 Grove, 1990). Con ela péchase o ciclo, que comezara coa Escolma ferida (1977) e que continuou, ademais doutros libros poéticos, con Nova escolma ferida (1988). Este poemario inédito e póstumo, que o autor deixou disposto para a súa publicación, nesta ocasión en edición de Ramón Nicolás e con limiar de Xesús Alonso Montero, é tamén unha revisión actualizada da súa obra anterior, un achegamento á rotundidade e ao lirismo da súa voz, unha ocasión para revisitarmos a polifonía e sinceridade dun autor cuxa obra o tempo non eslúe nin desgasta.
Naceu en Fornelos de Montes en 1916 e morreu no Grove en 1990. É autor dunha ampla e interesante obra literaria, escrita tanto en galego como en castelán. En lingua galega publicou o libro de poemas Un tempo de sol a sol (1971), as coleccións de relatos Non debían medrar e O sol na crista do galo (1982), Escolma ferida (1977) e Nova escolma ferida (1988). Escritor comprometido na loita antifranquista, Lueiro Rey sufriu os embates da censura na súa novela Manso, coa que obtivo en 1966 o Premio de Novela Ciudad De Oviedo e da que en 1968 saiu en Buenos Aires unha edición non censurada.