FERNÁNDEZ PAZ, AGUSTÍN
Cando o doutor Vítor Moldes comeza a traballar na clínica psiquiátrica Beira Verde, ten como primeira paciente a Laura Novo, unha muller coa memoria borrada, que ocupa as horas do día en escribir de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el coma se fose o único resto dalgún naufraxio emocional. Mediante unha terapia innovadora, o doutor consigue que a paciente abandoe a súa prisión interior e comece a lembrar o seu pasado.«Escríbao todo, reviva outra vez o que pasou. Escriba o que non é capaz de expresar con palabras en voz alta. Así irán collendo sentido as lembranzas que agora permanecen enmarañadas na súa memoria.» O doutor conseguirá que Laura rememore todo o que lle sucedeu nos meses anteriores, cando unha escura sombra parecía ameazar a súa vida. Ningún dos dous podía imaxinar que lle estaban abrindo a porta a unha realidade terrible, ao esqueceren que por baixo da tranquilizadora superficie da vida os terrores máis fondos agardan a ocasión propicia para destruírnos.
Naceu en Vilalba no ano 1947. Mestre e licenciado en Ciencias da Educación, desenvolve a súa actividade profesional no ensino. Despois de exercer o maxisterio en diversos centros escolares, traballou no gabinete de estudos para a Reforma Educativa e, na actualidade, é coordenador docente de Lingua Galega na cidade de Vigo. Aínda que é autor de moitos traballos sobre cuestións pedagóxicas e relacionadas coa literatura infantil e a normalización lingüística, Fernández Paz debe a súa popularidade como escritor á súa obra narrativa, recoñecida dentro e fóra de Galicia con numerosos premios. Entre os seus libros destacan A cidade dos desexos (1989), As flores radiactivas (1989, premio Merlín), Contos por palabras (1990, premio Lazarillo), Lonxe do mar (1991), O tesouro do dragón Smaug (1992), As tundas do corredor (1993), Rapazas (1993), Trece anos de Branca (1994, premio Edebé) e Unha lúa na fiestra (1997).