AGRAFOXO, XERARDO
Ramón Mayán Ramos, o Cantino, veciño de Noia, foi executado no cemiterio de Boisaca o 10 de outubro de 1936, acusado polos fascistas de «cometer un delito de rebelión militar». A súa figura, que mesmo chegou a formar parte da ficción baixo o nome de Dombodán nas páxinas de O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, é o centro desta investigación, onde Xerardo Agrafoxo pretende achegarse aos motivos reais que levaron ao asasinato deste mozo.
En Quen matou o Cantino? nárrase, de forma documentada, con declaracións de testemuñas e actas do Tribunal Militar, a dramática e inxusta historia deste noiés, que nos primeiros momentos do alzamento militar contra a República se une a un grupo de mineiros de San Finx e a outros traballadores sindicalistas coa intención de se mobilizaren contra a conspiración.
Malia a documentación manexada ata o de agora, como o propio autor expresa no limiar da obra, «nunca soubemos con exactitude que circunstancias o levaron a perder a vida diante dun piquete de fusilamento. Quen o denunciou? Quen tivo a coraxe de acusar este home diante dun tribunal militar? Quen foron os autores intelectuais do seu fusilamento en Boisaca?» O presente libro descifra todas estas interrogantes.
Xerardo AgraFoxo (Noia, 1952). É profesor e doutor en Historia pola Universidade de Santiago e dedícase á investigación histórica, mostra do cal son os máis dos quince libros que ten publicados nesta materia, entre eles os tres volumes de A Guerra Civil en Lousame e Noia. Como narrador publica no ano 2003 o libro de relatos O triángulo de Oscar Wilde, un periplo narrativo por varios personaxes e autores da literatura e da arte universal, escrito desde a convicción de que a ficción pode axudar a clarexar os matices da historia real.
En 2004 consegue o Premio de Novela García Barros con Unha viaxe no Ford T. Publicou tamén en Galaxia a Biografía de María Mariño, poeta á que se lle adicou o Día das Letras Galegas do ano 2007. En 2008 publica a novela O violinista de Malá Strana.