DACOSTA, MARTA
A nadadora é a metáfora das mulleres e homes que atravesamos un lago escuro como o tempo que vivimos. A nadadora, de costas, fixa a súa atención na luz do ceo, prefire ignorar que por baixo da tona da auga hai un fondo escuro en que podrecen os cadáveres, en que se ocultan as verdades pestilentes. Este poemario é unha reflexión aceda sobre a implicación e a aceptación, sobre o descoñecemento e o desinterese. Os poemas do libro fálannos da mentira, do dano, da descomposición social. As imaxes, surrealistas, como soños xeroglíficos, anúnciannos a realidade. E a auga é auga sólida sobre a que transitamos en equilibrio, torrentes de auga para varrer o refugallo que nos inunda; augas quietas que nos afogan. Existe a verdade? Quen e como a constrúe? Ou vivimos na mentira dunha realidade aparente?
Marta Dacosta (Vigo, 1966) é profesora de lingua e literatura galegas no ensino medio. Colaborou en revistas como Cadernos de lingua e Festa da palabra silenciada con estudos sobre temas diversos e é autora da guía de lectura Con pólvora e magnolias (1994). Á parte de ver editada a súa poesía en diferentes revistas e xornais, participou en publicacións colectivas, como Para sair do Século, nova proposta poética (1997). Destacada representante do que algúns estudosos deron en chamar a "Xeración dos 90", publicou os poemarios Crear o mar en Compostela (1994), Premio O Grelo da Asociación Cultural O Grelo; Pel de ameixa (1996), Premio González Garcés da Deputación da Coruña e En atalaia aberta (2000). Con Setembro, Marta Dacosta converteuse na primeira muller en gañar o Premio de Poesía Martín Codax.