FONTE, RAMIRO
Con As pontes no ceo péchase a monumental triloxía «Vidas de infancia» que Ramiro Fonte decidiu emprender para reconstruír os ecos dunha vila galega, o Pontedeume da súa infancia, contrastándoos co rumor dun tempo histórico. Se nos dous primeiros volumes o relato primaba a vida familiar e o ámbito da escola, nesta terceira entrega o foco argumental alumea as voces da colectividade. Velaí o límpido engado desta serie: un espazo local sen lindeiros, un tempo gris e un cento de figuras inesquecibles, merecedoras de pasar á historia literaria e asumir a representatividade da raza humana. Coma un retratista desas cousas coas que se asaña o esquecemento, o autor arma, cunha prosa garrida, xenerosa en formas e susceptible de perdurar, unha novela de vivos mortos e de mortos vivos. Unha obra que mestura lirismo, oralidade, técnica teatral, erudición e filosofías de rueiro e que, baixo os presupostos da narrativa clásica, tamén indaga nas raíces da vocación literaria.
Poeta, narrador e ensaísta, Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957-Barcelona, 2008) é un dos máis importantes autores galegos aparecidos na década dos oitenta. Formou parte do grupo poético Cravo Fondo e en 1981 participou na fundación da revista Dorna. O seu primeiro volume individual como poeta foi As cidades da nada, que apareceu en 1983. A este seguiron outros como Pasa un segredo, Mínima moralidade e A rocha dos proscritos. Como narrador publicou Catro novelas sentimentais, Os leopardos da lúa e Soños eternos, entre outras.
Ramiro Fonte destacou tamén na súa faceta de crítico literario e como editor de obras de poetas como Celso Emilio Ferreiro, Luis Pimentel e Ramón Cabanillas. Foi membro da Real Academia Galega e conta con varios premios, entre os que destacan o Premio da Crítica Española, o Premio da Crítica de Galicia, o Premio Esquío e o Irmandade do Libro.