MEJUTO, EVA / CHESHIRE, PAULA (Ilustración)
Queco é un can vello e roñón que vive desde hai tempo na casa de Sara e Lara. Kika é unha cadela alegre e rebuldeira que acaba de ser adoptada pola parella. Queco está aborrecido coa chegada da nova inquilina. Kika está encantada coa nova vida e fai o posible por agradar para que non a abandonen, como xa lle sucedera no pasado. Mais as boas intencións non sempre son suficientes para evitar meter a pata ante o señor Ramón, o veciño rosmón que está empeñado en botar do edificio a familia diversa que formaron Sara e Lara. Unha novela chea de humor sobre a convivencia e o amor aos animais, que mereceu o VIII Premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil pola igualdade.
Eva Mejuto (Sanxenxo, Pontevedra, 1975) estudou Xornalisno na USC e traballou no sector editorial infantil, desde 1998 ata o 2016, primeiro en Kalandraka e despois en OQO. Actualmente forma parte do proxecto Capicúa de xestión cultural. É docente no máster "Libro Ilustrado e Animación Audiovisual" da Universidade de Vigo e rematou a súa tese de doutoramento sobre o realismo social no álbum ilustrado. É autora de diversas adaptacións de álbums ilustrados, traducidas a máis de dez idiomas. A novela " 22 segundos " é a súa primeira incursión na narrativa xuvenil (Xerais, 2017).