CALLÓN, CARLOS
Cun título que desde o comezo pretende provocar a reflexión, Carlos Callón une neste libro textos que abordan a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, deténdose con máis vagar na política lingüística do período do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijóo.
Nestas páxinas o autor, ademais de rebater con argumentos algúns dos prexuízos e tópicos máis asentados contra a lingua galega, analiza a situación do idioma, repasa reivindicacións, presenta alternativas, convida ao protagonismo individual para transformar a sociedade e alerta das medidas que deberían adoptar os poderes públicos.
En castellano no hay problema é, en definitiva, un libro útil e operativo para a encrucillada en que se encontran a nosa lingua e a nosa cultura.
Carlos Callón (Ribeira, 1978) é profesor no CPI Afonso VII de Caldas de Reis e membro do Grupo Illa da Universidade da Coruña. Presidiu durante doce anos A Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza, da cal é agora presidente honorífico. Publicou varios libros, entre os cales salientan os ensaios " En castellano no hay problema " (Xerais, 2010), " Como defenderes os teus dereitos lingüísticos " (Xerais, 2011, premio Redelibros), " Amigos e sodomitas " (2011, premios Vicente Risco e Fervenzas Literarias), " Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez " (Xerais, 2012) e " Galegocalantes e galegofalantes " (Xerais, 2017), así como o poemario " Atravesar o fantasma " (Xerais, 2014).