MÉNDEZ FERRÍN, X. L. / BLANCO, CARMEN ED. LIT. / RODRÍGUEZ FER, CLAUDIO ED. LIT.
Con pólvora e magnolias (1976) é unha referencia obrigada na nosa lírica contemporánea. Unha certa perspectiva temporal salienta cada vez máis a significación deste libro, que marcou un fito, unha mudanza radical e necesaria na poesía galega dos últimos anos.
Amor e desamor, paixón pola vida e afirmación de vellos e inconmovibles soños constitúen a base principal deste poemario renovador, intenso, poderoso.
X. L. Méndez Ferrín (Ourense, 1938) é unha figura cimeira da cultura galega contemporánea. O seu labor abrangue os ámbitos da narrativa, da crítica, da investigación, do pensamento e da acción política e social. Doutor en Filoloxía, obtivo premios como Celanova Casa dos Poetas (1985), Premio Trasalba (2001), Premio Irmandade do Libro ao Autor do Ano 2004 e Premio Nacional de Literatura (2008). A súa obra narrativa iniciouse hai cincuenta anos con Percival e outras historias (1958), e desde aquela publicou títulos tan emblemáticos como O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964), Retorno a Tagen Ata (1971), Elipsis e outras sombras (1974), Antón e os inocentes (1976), Crónica de nós (1980), Amor de Artur (1982), Bretaña, Esmeraldina (1987, 2007, Premio da Crítica Galicia), Arraianos (1991, Premio da Crítica Galicia, Premio da Crítica Española e Premio Losada Diéguez), ou No ventre do silencio (1999, Premio Eixo Atlántico, Premio da Crítica Española). A súa produción poética está composta por títulos como Voce na néboa (1957), Antoloxía Popular (1972), Sirventés pola destrucción de Occitania (1975), Con pólvora e magnolias (1977, Premio da Crítica), Poesía enteira de Heriberto Bens (1980); O fin dun canto (1982), Erótica (1992), Estirpe (1994, Premio Losada Diéguez), O outro (2002), Era na selva de Esm (2004) e Contra Maquieiro (2005). Para o público xuvenil publicou Arnoia, Arnoia (1986), que foi incluída na Lista de Honra do IBBY en 1988. É autor, ademais, do Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos (2007) e dos ensaios Cancioneiro de Pero Meogo (1966) e De Pondal a Novoneyra (1984).