«A lei do mar» narra unha historia real sucedida no Mediterráneo, un mar que é a patria dos que non teñen fogar, unha invernía salvaxe onde non chegan as leis dos homes. Manuel Esteban comparte con nós un estremecedor relato de morte e de supervivencia, de solidariedade e de egoísmo. Unha historia sórdida impensable en terra firme pero cotiá alén de augas territoriais. Unha bengala de auxilio que estala nas conciencias como sal nas feridas.
Este é o relato desacougante de seis mariñeiros que rescatan un grupo de persoas subsaharianas entre as que se atopan tres nenas obrigadas a vivir, mais tamén é a procura desesperada dun home peixe obrigado a esquecer para converterse en humano.
Manuel Esteban (Vigo, 1971) é médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e profesor da rama sanitaria de formación profesional. Traballa no Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio. É pai de dous nenos, o maior dos cales ten síndrome de Down, e foi durante oito anos vicepresidente de Down Vigo.
«A ira dos mansos», Premio Xerais 2016, foi a súa primeira novela, seguida por «O meu nome é Ninguén» (Xerais, 2018) e «A vinganza dos homes bos» (Xerais, 2020), todas elas protagonizadas polo inspector de policía Carlos Manso. «Setestrelo» (Xerais, 2023), publicada na colección Fóra de Xogo, é unha novela destinada ao público xuvenil. Con «O xogo de Escher» (Xerais, 2024) gañou o IX Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. A súa obra máis recente é «A lei do mar» (Xerais, 2025). Fotografía do autor: M.A.