ABALDE COVELO, MARCOS
En "Exhumación", a xuízo do xurado que lle concedeu o Premio Manuel Lueiro Rey, escóitase «o tempero dunha voz moi afinada, chea de resonancias e lecturas que o autor soubo procesar para ofrecer unha aproximación ben persoal a temas e motivos entre os que a memoria dos desfavorecidos, represaliados e desherdados resulta decisiva». Ademais, o xurado subliñou do poemario a súa «arquitectura moi sólida e tramada» e o feito de que a «dicción culta da obra convence polo seu poder evocador e a fulguración das imaxes labradas con gran mestría».
Marcos Abalde Covelo (Vigo, 1982) obtivo o Premio Josep Robrenyo 2008 por Canibalismo; o Premio Álvaro Cunqueiro 2011 por A cegueira (Xerais, 2012); o Premio Marqués de Bradomín 2012 por Xudite, e o Premio Bienal de Teatro Romaría Viquinga 2012 por Saga de Iacobsland. Ten publicadas algunhas pezas breves en Casahamlet, na Revista Núa e na Revista Galega de Teatro. É membro de Estaleiro Editora. Como poeta publicou Oenach (Premio Fiz Vergara Vilariño 2014). Exhumación, co que gañou o Premio Manuel Lueiro Rey en 2016, é o seu segundo libro de poemas.