REI NÚÑEZ, LUIS
Castelao foi feliz en Pontevedra, a pequena capital de provincia á que chegou en 1916, cando era fundamentalmente artista. Dúas décadas despois, sendo xa sobre todo político e dirixindo a loita do galeguismo, o estoupido da guerra no verán de 1936 afástao de alí para sempre. Debe deixar atrás, canda recordos imborrables, o fillo que tivera que enterrar e o compañeiro Bóveda, fusilado ao pé dun piñeiro polos sublevados. A vida arrástrao daquela por metrópoles coma Nova York, Bos Aires, París e, de novo, Bos Aires. Son tempos que inclúen o seu paso por un ministerio sen carteira do Goberno da República no exilio e mais o reencontro casual con José Gómez Gayoso, o militante comunista ao que poderá recorrer cando a dor do fracaso o leve a facer un encargo que o desacouga: por que non vingar o martirio do seu mellor amigo da Pontevedra onde creron que os soños ían ser posibles?
Do peso na alma dos homes da historia colectiva e das incertezas morais dunha petición difícil nace a historia con que Rei Núñez regresa á novela de non ficción. Un título que agranda o territorio conquistado polas letras galegas. Unha regalía para os lectores.
Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958) é xornalista de profesión e autor dos poemarios "A rolda invisible" (1988), "Alma mareira" (2003) e "Estrela do norte" (2014, Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores), da biografía de Rafael Dieste "A travesía dun século" (1987) e do volume ensaístico "Poetas Andantes Navegantes" (1995). Xerais publica a súa obra narrativa, que inclúe os títulos "Expediente Artieda" (2000, Premio Xerais de novela), "A estrela dos polisóns" (2003), "Toda a vida" (2005), "O señor Lugrís e a negra sombra" (2007, Premio da Crítica Española e Premio da Federación de Libreiros de Galicia ao mellor libro do ano), "Monte Louro" (2009, Premio Blanco Amor de novela longa e Premio Fervenzas Literarias á mellor novela do ano), "Cita en Fisterra" (2011), "Días que non foron" (2013) e "O encargo do señor Castelao" (2016). Fotografía do autor: ©Alba Sotelo