GUZMÁN FALCÓN, ALBA
Xoaniña estase esquecendo da súa vida, de feito nin tan sequera lembra o seu nome ou a idade que ten. Ao redor dela tan só xira a soidade, o medo e uns invisibles fíos que a manteñen atada á realidade. Unhas desconcertantes tatuaxes gravadas na pel e un vello diario con tapas de coiro negro son o facho que alumea os seus pasos, as pegadas que lle permiten regresar ao pasado para percorrer un tortuoso camiño ata chegar a un inesperado final.
Narrada en dúas voces, «Xoaniña de Deus» é a historia da vida dunha muller diagnosticada de alzhéimer que necesita seguir viva. Amor, drama e un pouco de humor forman parte dun círculo de lembranzas que ela mesma debe pechar antes de que a súa memoria se apague para sempre.
Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003) cursa estudos de Enxeñería Mecánica Industrial na Universidade de Vigo.
Leva conseguido máis dunha vintena de galardóns en diversos certames literarios de narrativa e poesía, entre os que destacan o de microrrelatos da RAG, os Premios Minerva ou o do Concello de Ames.
Con «Xoaniña de Deus» gañou o II Premio Xuventude Crea de Novela Curta.