CORTIZAS, ANTÓN / COBAS, XOSÉ (Ilustración)
A forxa de Manuel ten unha xanela de vidros cadradiños e pequenos. Pegado a ela hai un banco ateigado de ferramentas: mazos, martelos, tenaces, alicates, parafusos, cravos...
Ao outro lado da xanela o que hai son campos verdes e árbores verdes e montañas verdes. Os vidros da xanela semellan caramelos de menta.
Un día, mentres o ferreiro vía a través dos vidros, na xanela póusase un paxariño.
-É un merlo! -exclamou moi contento.
A partir daquela Manuel decidiu facer un merlo de ferro, pero non un calquera, senón un que fose capaz de cantar e de voar por enriba dos ventos.
Antón Cortizas Amado (Ferrol, 1954) é profesor. En 1986 gañou o premio Curuxa de Humor co relato A medio muller. Desde esa data, a súa dedicación á literatura infantil e xuvenil tenlle deparado moitos recoñecementos, como o premio Barco de Vapor por Memorias dun río (1988) e O conto dos sete medos (1991) e, tamén en dúas ocasións, o premio Xeración Nós de textos teatrais por O coleccionista de sombras (1990) e O incrible invento de Solfis a pianista (1994). Outros títulos publicados por Cortizas son Xiganano, ¿onde estás? (1990), O lapis de Rosalía (1992), A bruxa sen curuxa (1993), O merlo de ferro (1995), A merla de trapo (Premio Merlín 2001) e ¡Cázame ese pensamento! (2001).