FREIXEIRO MATO, XOSÉ RAMÓN
Xosé Ramón Freixeiro Mato elaborou esta Estilística da lingua galega co obxectivo de ordenar e sistematizar os valores expresivos do idioma galego, dotándoo así dunha ferramenta de análise da cal outras linguas próximas xa dispoñen desde hai tempo.
A obra, realizada fundamentalmente con base nos textos literarios contemporáneos, contribúe a unha posta en valor do noso patrimonio lingüístico-literario e do labor artístico dos escritores e escritoras, que conseguiron labrar artesanalmente a lingua nacional para tiraren dela toda a súa potencialidade expresiva. O arduo traballo de construción da lingua literaria galega a partir dun idioma desprestixiado, abandonado e ruralizado só desde o propio país pode ser hoxe recoñecido e reivindicado.
Esta completa Estilística da lingua galega, cun tratamento pormenorizado e actual dos aspectos gráficos, fonéticos, morfosintácticos, léxico-semánticos e textuais, tórnase aínda nestes momentos oportuna, útil e necesaria, pois é particularmente nos seus valores expresivos onde se debe alicerzar o prestixio e o futuro do idioma galego, así como a autoestima dos seus usuarios e usuarias.
Xosé Ramón Freixeiro Mato é catedrático da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Entre as súas liñas de traballo están a gramática, a lingua literaria e a estilística, onde se inscriben dalgún modo monografías como Da montaña o corazón (Produción literaria e lingua en Noriega Varela) (1993), Antonio Noriega Varela. Estudo e edición da obra completa (2 vols., 1994, 2ª ed. 2007), Rafael Dieste (1995), Os diminutivos en galego (1996), A lingua literaria galega no século XIX (2005, en coautoría) ou Cucou o cuco cuqueiro. Lingua e estilo na obra de Manuel María (2007). Dentro dese mesmo ámbito de investigación publicou a segunda edición da Gramática da Lingua Galega (2006), en catro volumes, e o libro Lingua de calidade (Xerais, 2009). Alén disto, tamén é autor de diversos artigos sobre temas relacionados coa lingua literaria e o estilo de diferentes escritores galegos.