REI NÚÑEZ, LUIS
O xornalista que levanta acta da peor das mareas negras, o adolescente que se converterá no caddie preferido daquel Franco que ía xogar ao Club de Golf da Zapateira, o escuro funcionario de xulgado que necesita descargar a conciencia cinco décadas despois da hecatombe dun verán terrible... Este libro convoca oportunidades perdidas, mesmo a dun tiranicidio; borras e rescaldos da memoria, individual e colectiva; arelas cun pé no éxito e o outro na decepción; segredos que non morrerán gardados, ou sarillos de soños que son a mellor vitamina na existencia dos seres anónimos. Á fin, estamos ante un monllo de historias que lle propoñen ao lector o desafío de explorar as topografías da conduta humana. Esta vez e sempre, entre as cousas que están sendo e os días que non foron.
Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958) é xornalista de profesión e autor dos poemarios "A rolda invisible" (1988), "Alma mareira" (2003) e "Estrela do norte" (2014, Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores), da biografía de Rafael Dieste "A travesía dun século" (1987) e do volume ensaístico "Poetas Andantes Navegantes" (1995). Xerais publica a súa obra narrativa, que inclúe os títulos "Expediente Artieda" (2000, Premio Xerais de novela), "A estrela dos polisóns" (2003), "Toda a vida" (2005), "O señor Lugrís e a negra sombra" (2007, Premio da Crítica Española e Premio da Federación de Libreiros de Galicia ao mellor libro do ano), "Monte Louro" (2009, Premio Blanco Amor de novela longa e Premio Fervenzas Literarias á mellor novela do ano), "Cita en Fisterra" (2011), "Días que non foron" (2013) e "O encargo do señor Castelao" (2016). Fotografía do autor: ©Alba Sotelo