BERAMENDI, JUSTO
De Provincia a nación. Historia do galeguismo político é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Para a análise acaída das diferentes dimensións -a ideolóxica, a social, a organizativa, a electoral- e das súas interrelacións, o autor incorpora conceptos e modelos analíticos propios que implican unha notable innovación metodolóxica no eido do estudo do nacionalismo. As maiores novidades neste sentido son a reconstrución das estruturas das ideoloxías, a caracterización das bases sociais e a técnica aplicada para desvelar e cuantificar a fraude electoral na Segunda República. Ademais, en paralelo coa historia central, vai trazando a da cuestión nacional en España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios do Estado español. Isto unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego. Xa que logo, este libro é unha contribución decisiva para coñecer e entender, por que Galicia ten hoxe unha personalidade política irreversiblemente diferenciada.
Justo Beramendi (Madrid, 1941) é catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, da que foi vicerreitor (1990-1994). Cofundador do Museo do Pobo Galego e actual presidente do seu Padroado, participou na creación das revistas Negaciones (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago, 1997). Especializado en historia das ideoloxías e dos nacionalismos, publicou entre outros libros e artigos, que hoxe chegan a case trescentos, Miseria de la Economía (1974) con E. Fioravanti, Vicente Risco no nacionalismo galego (1981), Galicia e a historiografía (1993), Ethnos versus Polis?On method and nationalism (1994), La historia política: algunos conceptos básicos (1999), La España de los nacionalismos y las autonomías (2001) con J.L. Granja y P. Anguera, A transición en Galicia (2007), A Galicia autónoma (2007) e De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Xerais, 2007), obra pola que recibiu en 2008 os premios Nacional de Ensayo, Losada Diéguez de Investigación, AELG de Ensaio e da Crítica de Galicia en Investigación. Autor ou coautor das edicións críticas das obras de Losada Diéguez (Xerais, 1985), Ramón Villar Ponte, Peña Novo, Castelao e Risco. Organizou e coeditou as actas dos congresos Nacionalismos y regionalismos en la España de la Restauración (1983), Castelao (1986), Los nacionalismos en la España de la Segunda República (1988), Nationalism in Europe: Past and Present (1993) e Memoria e Identidades (2004).