CORTIZAS, ANTÓN / SIERRA, DAVID (Ilustración)
Froito de dez anos de traballo, velaquí temos Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza. Nesta obra, o autor, ao longo de máis de mil páxinas, ofrece un extenso catálogo dos brinquedos e enredos diversos que forman parte da nosa tradicional cultura lúdica.
Máis de 2.500 fotografías acompañan os arredor de 1.000 brinquedos, enredos e mesmo brincadeiras efémeras que compoñen o volume, todos eles descritos de forma pormenorizada e completados con informacións sobre o seu uso, a dificultade de construción, as súas variantes, os lugares de recolla das informacións, anécdotas dos informantes relativas aos xoguetes descritos e tamén textos literarios ou doutra índole, nos cales un gran número de autores se refiren a eles.
Velaquí un libro de divulgación que recompila nun só volume a meirande parte dos xoguetes tradicionais que formaron e forman parte da nosa cultura, clasificados en brinquedos do mundo animal, vexetal e inanimado, brinquedos de enxeño e habilidade, bonecas, brinquedos de desprazamento e transporte, arsenal infantil, brinquedos sonoros e xoguetes ou elementos para xogos regrados, entre outros.
Antón Cortizas Amado (Ferrol, 1954) é profesor. En 1986 gañou o premio Curuxa de Humor co relato A medio muller. Desde esa data, a súa dedicación á literatura infantil e xuvenil tenlle deparado moitos recoñecementos, como o premio Barco de Vapor por Memorias dun río (1988) e O conto dos sete medos (1991) e, tamén en dúas ocasións, o premio Xeración Nós de textos teatrais por O coleccionista de sombras (1990) e O incrible invento de Solfis a pianista (1994). Outros títulos publicados por Cortizas son Xiganano, ¿onde estás? (1990), O lapis de Rosalía (1992), A bruxa sen curuxa (1993), O merlo de ferro (1995), A merla de trapo (Premio Merlín 2001) e ¡Cázame ese pensamento! (2001).