ÁLVAREZ CACCAMO, ALFONSO
Lembrar é unha das experiencias máis humanas que existen, sobre todo lembrar aquilo que un nunca viviu, como acontece con Gurzonia, un país que non existe, mais existe porque se alicerza na creatividade do mundo infantil. Con estes bimbios está construído este artefacto literario que é algo máis ca unha novela. Presente e pasado, realidade e ficción, lembranza e invención se mesturan maxistralmente coa presenza constante dun sutil humorismo.
Alfonso Álvarez Cáccamo (Vigo 1952) é escritor e profesor. Colaborador habitual na prensa galega, fundamentalmente no Faro de Vigo. É autor e coordinador do blog de opinión «Pensamentos de Olafsson Mokk». Publicou os libros de poemas Na flor do vento (1999) e Sebes contra o vento (2009). Entre a súa extensa obra narrativa publicou as novelas Peito de vimbio, premio Café de Catro a Catro de Novela (Xerais, 1988); As baleas de Eduardo Reinoso, premio Xerais de Novela (Xerais, 1990); Xente de mala morte, premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa (1993); Catapulta (Xerais, 1995); O Espírito de Broustenac, premio Manuel García Barros de Novela (Xerais, 1996); O Bosque de Levas (2002); A revolución dos globos (2008); O Destino de Clarescura Lens (2012) e Os Gotten (Xerais, 2014).