CEBREIRO, MARÍA DO
Escribir poesía como se non houbese poesía. Falar como se todo o mundo tivese ese dereito. Un libro este de María do Cebreiro que non quere fundar nada. Un movemento que nega o movemento. A distancia pode ser anterior ao sentido de pertenza. O desapego pode ser a condición do amor.
María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976) publicou os libros de poemas " O estadio do espello " (Xerais 1999); " (nós, as inadaptadas) " (2001); " Non queres que o poema te coñeza " (2004); " Os hemisferios " (2006); a escolma " Objetos perdidos " (2007), en versión galego-castelá; " Cuarto de outono " (2008); " Non son de aquí " (Xerais 2009); " A guerra " , con Daniel Salgado (2012); " Os inocentes " (2014); " O deserto " (2015), Premio da Crítica Española ao mellor poemario en lingua galega; " A lentitude " (2017) e " Soños. Arquivos. Cartas " (Xerais 2018). " Non son de aquí " foi traducido ao inglés por Helena Miguélez-Carballeira en Shearsman Books (2011). En colaboración con Xosé Carlos Hidalgo Lomba, deseñador gráfico d' " O deserto " , editou os libros de artista " Poemas históricos " (2010) e " O grupo " (2012). Con Ismael Ramos deu ao prelo o diálogo poético " A ferida " (2013).