PAZ, XABIER
Materia de Lucrecio de Xabier Paz é un poemario concibido na tradición de pensamento liberador e cívico, amecendo a visión filosófica e científica coa poética: un libro que constitúe unha reflexión sobre a orixe e o devir do Cosmos, sobre a existencia e o coñecemento humanos neste desolado pórtico do século XXI. A emoción e a estrañeza do vivir ven suxeita pola rédea do coñecemento científico que se expón non exento de ironía. O desconcerto da conciencia, limitada, dexergando o Universo ilimitado e a vertixe da visión cosmolóxica na súa inmensidade, procuran acougo no acicate do coñecemento obxectivo e poético da materia, do seu devir. O ser humano, tenta recoñecerse na parte non arredada do Universo apalpando as súas leis. O coñecemento poético do posible como guieiro: poesía da materia. Poesía non como asombro polo íntimo, senón como indagación no que de común temos na nosa individualidade, a busca dunha estética antropolóxica. Poesía da experiencia, pero non da experiencia persoal e individual senón da experiencia comunitaria que nos outorga o herdo comunal do coñecemento científico.
Xabier Paz (A Coruña, 1949) reside en Vigo, onde exerceu diversos oficios desde 1980. Doutor en Ciencias Biolóxicas, dedicou boa parte da súa vida á investigación (biólogo pesqueiro) no Centro Oceanográfico de Vigo. Na década de 1980 foi colaborador do Suplemento «As Artes e as Letras» do Faro de Vigo e posteriormente das revistas Sobremesa e Viajes de National Geographic, así como da revista galega de pensamento crítico Inzar Razóns. Como escritor, publicou as novelas Renacer (Xerais, 2008), As vidas de Nito (Xerais, 2013), A galera de Xelmírez (Xerais, 2015) e Aníbal e a Pintora (Xerais, 2017); os poemarios Sedimentos (2001), No canto do mar (2005), Materia de Lucrecio (Xerais, 2006) e Filoxenia do sangue (2006). Tamén é autor do libro Follas do bacallau (Xerais, 2005), que recolle a vida a bordo dos pesqueiros de grande altura.