AMEIXEIRAS, DIEGO
A policía de Oregón atopa unha parella de cadáveres no interior dunha nave industrial abandonada. O home negro está axeonllado no chan colocando as últimas novidades en primeira liña da manta. Nelson, o grafiteiro, preparou nun muro da marxe esquerda do río unha versión manga do retrato de Laura, a moza que practica tres horas semanais de kung-fu. Ánxela confésalle a Marga que non quere nada que lle recorde a Xaime, desexa que desapareza da súa cabeza, matar os seus recordos. O taxista sorpréndese cando le o texto que os dous homes sen teito escribiron no seu cartón: o rumor da melancolía é o son dunha orquestra ao lonxe. Dime algo sucio de Diego Ameixeiras é unha novela de intriga que pretende desvelar o misterio que une as vidas cruzadas de persoas moi diversas, que buscan atopar un anaco de esperanza nalgunha das fendas da cidade cero. Escrita cunha prosa áxil e directa, amosando unha eficacia narrativa extraordinaria, esta cuarta novela confirma a madurez literaria de Diego Ameixeiras, un dos autores máis orixinais e valiosos da narrativa galega do século XXI.
Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976). Xornalista, escritor e guionista. Publicou as novelas " Baixo mínimos " (Xerais, 2004); " O cidadán do mes " (Xerais, 2006); " Tres segundos de memoria " , Premio Xerais de Novela (2006); " Dime algo sucio " (Xerais, 2009), Premio Especial de Dirección da Semana Negra de Xixón; " Asasinato no Consello Nacional " (Xerais, 2010), Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro do Ano; " Historias de Oregón " (Xerais, 2011), Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia; " Todo OK " (Xerais, 2012); " Matarte lentamente " (Xerais, 2013); " Conduce rápido " (Xerais, 2014), Premio Losada Diéguez de Creación Literaria 2015; " A noite enriba " (Xerais, 2015) e " A crueldade de abril " (Xerais, 2018). Algunhas das súas obras foron traducidas ao castelán, catalán, alemán e italiano. Escribe en " La Voz de Galicia " .