REIGOSA, CARLOS G.
Gabriel García Márquez sempre lle atribuíu a maior influencia literaria á súa «avoa galega», que lle contaba as cousas máis atroces sen conmoverse. O escritor descubriu axiña que aquel xeito imperturbable e aquela riqueza de imaxes era o que máis contribuía á verosimilitude das historias. Tras gañar o Premio Nobel en 1982, confesou que escribira Cien años de soledad «usando o mesmo método da miña avoa».
Pero, ¿quen era aquela misteriosa «avoa galega»? O escritor parecía referirse á súa avoa Tranquilina, unha colombiana de antepasados españois, mais el sabía que a realidade que identificaba -e reivindicaba- abeberaba na maxia dunha herdanza teluricamente máis neboenta. Foi entón cando dixo: «Os meus avós eran descendentes de galegos, e moitas das cousas sobrenaturais que me contaban proviñan de Galicia.»
Nesta obra, Carlos G. Reigosa busca, á vez, o escritor e a súa «avoa galega», seguindo os pasos dun García Márquez que viaxa a Galicia para desenredar a madeixa das súas orixes -persoais e literarias- e que, ao cabo, se perde na selva indescifrable da súa propia creación. Porque non sempre é posible deslindar a realidade e a ficción.
Carlos G. Reigosa (A Pastoriza, 1948). Licenciado en Ciencias da Información e Ciencias Políticas. Xornalista e membro do Consello Asesor da Fundación do Español Urxente (Fundeu). Como narrador ten publicadas as seguintes obras: "Oxford, amén" (1982, Xerais 2006), novela; "Homes de Tras da Corda" (Xerais 1982, 2000), relatos; "Crime en Compostela" (Xerais 1984, 2005), Premio Xerais de novela; "As pucharcas da lembranza" (Xerais 1985), relatos; "Irmán Rei Artur" (Xerais 1986, 2000), relatos; "O misterio do barco perdido (Xerais 1988, 2005), novela; "Os outros disparos de Billy" (Xerais 1991); "A guerra do tabaco" (Xerais 1996, 2005), novela; "Narcos" (Xerais 2000), novela, Premio Benito Soto 2001; "Intramundi" (Xerais 2002), novela; Pepa A Loba" (Xerais 2006), novela; "A vida do outro" (Xerais 2009), novela, Premio Gonzalo Torrente Ballester 2008; "A lei das ánimas" (2010), novela; "Tras da Corda" (Xerais 2012), relatos; "A vitoria do perdedor" (Xerais 2013), novela; "A vinganza do defunto" (Xerais 2014), novela e "Segredos de Bretaña" (Xerais, 2016), novela. Publicou o libro de poemas "Kid salvaxe" (Xerais 2014), ademais de varios libros de investigación e ensaio xornalístico, entre eles, "Fuxidos de zona" (Xerais 1989), reportaxe; "Doutor Livingstone, supoño" (Xerais 1998), ensaio; "O regreso dos maquis" (Xerais 2004), reportaxe; "Laxeiro por si mesmo" (Xerais 2008), conversas; "A agonía do león" (Xerais 2011); "A Galicia máxica de García Márquez" (2009, Xerais 2013); "Colmeiro por si mesmo", escrito en colaboración con Xosé Antón Castro (Xerais 2015) e "A morte de Valle-Inclán", en colaboración con Javier del Valle Inclán e José Monleón (Xerais, 2016).