PATIÑO, ANTÓN
É posible un riso libertario que rache coa gaiola de ferro? Esa é a pregunta invisible que percorre este libro. O entroido da revolta daquela toma corpo. Un océano de risas contra a reixa de ferro. É posible acadar unha revolta de risos? Chegar ata o Gran Riso? Onde está o cronotopo da revolta? Instantes poéticos a escintilar, breves configuracións de palabras ingrávidas, secuencia de relampos sensoriais, baile tipográfico, escrita inzada de imaxes e condensacións a xeito de ideogramas poéticos sobre a páxina en branco. Existe un ADN da ironía? Esa é a tese deste libro. A poesía como creación dun sentido outro, subversión e loita sensorial. Unha multitude derrubando o poder cun entroido de risos.
Antón Patiño (Monforte, 1957) é pintor, pero a poesía ocupa un espazo central na súa vida. Autor do libro de poemas "Océano e silencio" (2006), fixo tamén achegas relevantes sobre a poesía de Uxío Novoneyra e Lois Pereiro. Colaborou na revista "Loia" e co grupo de comunicación poética Rompente. Foi membro fundador de Atlántica. Con Xavier Seoane escribiu o manifesto "Hai suficiente infinito" (Xerais, 1999). O seu último libro é "Escritos de un sonámbulo" (2011).