SEOANE, XAVIER
Este ensaio propón unha defensa da cultura humanística nun mundo de gran desenvolvemento científico, tecnolóxico e produtivo, mais no que a persoa carece moitas veces dunha verdadeira soberanía e dunha plenitude de horizontes e expectativas culturais e vitais. Unha cultura e unha educación ricas en valores e enraizadas no social, atentas ás descubertas das ciencias naturais e sociais e ás creacións técnicas e tecnolóxicas, poden constituír unhas ferramentas imprescindibles para a emancipación humana e a realización vital. O mundo da cultura é fascimante. Protagoniza a mellor partitura do ser humano. A cultura é esixente, pero outorga xenerosas doses de felicidade, pracer e, sobre todo, o logro dunha fecundante vixilia. Dun escoitar os sons do silencios. Dun ver máis alá. Este libro quixo abordar algúns aspectos desa viaxe.
Xavier Seoane (A Coruña, 1954) é profesor de Lingua e Literatura na Coruña. É un dos nomes máis recoñecidos da poesía galega dos anos oitenta, cunha traxectoria avalada por distintos galardóns. Colaborador de varias revistas, en especial Luzes de Galiza, que dirixiu xunto a Manolo Rivas, Seoane deuse a coñecer como poeta en 1981 con Os bosques encendidos, ao que seguiron títulos como Iniciación e regreso (1985), Eu tamén oín as voces do orvallo (1994), e Don do horizonte (1999).