VEIGA TABOADA, MANUEL
Tras ser depurado e coa intención de non poñer en perigo a súa muller e a súa filla, o profesor de idioma regresa a Puebla, a súa cidade natal, na derradeira viaxe do tren arrancatravesas. En Puebla pretende ocultar os dous mecanoscritos, que conseguiu salvar tras a última incautación da súa computadora, onde recolleu as súas investigacións sobre o vegliota, unha lingua que durante un tempo chegou a ter a súa pequena idade de ouro, mais que agora desaparece irremediablemente tras a imposición da lingua oriental como a única oficial.
O profesor de vegliota de Manuel Veiga é, en parte un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado por unha perda. Unha novela impactante, talvez un ensaio sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita.
Manuel Veiga Taboada (Monforte, 1960) é doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía e licenciado en Ciencias da Información. En 1983 entrou a formar parte da redacción do semanario "A Nosa Terra", periódico que dirixiu entre 2007 e 2010. No ano 2004 gañou o premio Xerais coa novela "O exiliado e a primavera" e, en 2006, o Manuel García Barros con "Lois e Helena buscándose un día de tormenta". Outras obras súas son "O profesor de vegliota", novela (Xerais, 2008), "Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico" (Xerais, 2012) , "O pacto galego na construción de España" , "Manuel María, buscando un país" (Xerais, 2016) e "Todo ser humano é un río" (Xerais, 2016). (Foto autor: Antonio Gutiérrez)