MOURE, TERESA
Un dos tópicos máis arraigados recoñece Galiza como unha paisaxe: un país verde, de dondas montañas e mil ríos, onde a poboación vive da casa labrega ou do oficio mariñeiro, apegada ao territorio e ao seu. Hai varias décadas que ese modelo deixou de existir para ser aceleradamente substituído polo único vixente coa globalización neoliberal. O natural é político, o novo ensaio de Teresa Moure, non é un texto especializado. Un determinado modelo de desenvolvemento económico e os problemas globais do planeta (quecemento, cambio climático, contaminación) desatan unhas páxinas en que alterna o ensaio literario coas narracións, para provocar unha revolta contra o medioambientalismo eslamiado e o consumismo masivo. Velaquí un berro doente a prol da liberación animal, da desobediencia civil que practica segas de cultivos transxénicos, da toma de conciencia; de estarmos, en fin, a vivir un momento crucial na historia da humanidade. A pesar de a literatura ecolóxica ter sona de pesimista, o texto participa do entusiasmo liberador, do compromiso e a militancia, e propón o ecoloxismo como unha estratexia de liberación nacional, un modelo de existencia atento non só aos intereses económicos, senón tamén á conservación da vida, que poña os coñecementos técnicos e científicos ao servizo dos ecosistemas e desenvolva técnicas menos agresivas na liña dun movemento que xa se coñece como ecoloxía profunda.
Teresa Moure é doutora en Lingüística xeral e exerce a docencia nas facultades de Filosofía e Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. É presidenta do consello de administracion de \'Sermos Galiza\'. Na súa especialidade ten publicados máis dunha ducia de traballos onde salienta a responsabilidade ética do investigador, o terror ao colonialismo e á homoxeneización cultural dentro dunha decidida vocación antiglobalización. É autora de libros como La alternativo no-discreta en lingüística (1996), Universales del lenguaje y linguo-diversidad (2001) ou La lingüística en el conjunto del conocimiento: una mirada crítica.
Obtivo o Premio Lueiro Rey de novela curta no ano 2004 con A xeira das árbores. Tamén no 2004 gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio con Outro idioma é posible; no 2005 foi Premio Xerais de novela con Herba Moura e publica con Galaxia outro ensaio: As palabras das fillas de Eva. En 2011 obtivo de novo o Premio Ramón Piñeiro co ensaio Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións.
En marzo de 2006 é premiada como Mellor Autora do ano nos premios da \"Irmandade do Libro\" que concede a Federación de Libreiros de Galicia.