CABANILLAS, RAMÓN
A Biblioteca das Letras Galegas publica No desterro cando se cumpren 50 anos do pasamento de Ramón Cabanillas. Trátase do primeiro poemario de do autor de Cambados, editado por primeira vez en 1913. Esta obra coñecería, por volta de 1926, unha segunda edición que amosaba un importante número de diferenzas con respecto daquela primeira, aparecida na Habana. Ofrécense así ambas as versións, nun texto prologado e anotado con rigor por Xosé Ramón Pena, para unha mellor estima do labor desenvolto por Cabanillas. Unha obra que contén as claves -poesía de denuncia, pero tamén intimista, paisaxista e aínda retallos modernistas- que explican o devir literario do noso poeta.
Ramón Cabanillas (Fefiñáns, Cambados, 1876-Cambados, 1959) foi funcionario do Concello de Cambados e, aos trinta e catro anos, emigrou a Cuba, onde viviu ata 1915. Na Habana publicou os poemarios No desterro (1913) e Vento mareiro (1915). De volta a Galicia, foi colaborador de A Nosa Terra, converténdose na voz lírica do movemento das Irmandades da Fala. Autor de Da terra asoballada (1917) e Na noite estrelecida (1926), libro no que Cabanillas reelabora os mitos do ciclo artúrico; no 1927 publica A rosa de cen follas, poemario intimista de tema amoroso. No ano 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega e, no 1929, da Real Academia Española. Despois da súa estadía en Madrid na década de 1940, comeza unha nova etapa como poeta coa escolma de cantigas populares Antífona da Cantiga (1951), Da miña zanfona (1954) e Samos (1958), o seu último libro publicado en vida.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1976.