QUEIPO, XAVIER
Extramunde narra, co alento prendido nas entrañas, unha viaxe alucinada que vai da freguesía de San Andrés deica a illa de Borneo, pasando por Senegal, Camerún, o Cabo de Boa Esperanza, Mozambique, a illa de Madagascar, a badía de Trincomalee, as illas de Anamán e o estreito de Malaca. Unha novela que retrata o poder omnímodo da Igrexa nos tempos escuros da Inquisición e a navegación polos océanos Atlántico e Índico na procura de mundos afastados, para rematar nun poboado da tribo dos Dayaks, os cortadores de cabezas. Extramunde, escrita nunha prosa coidada, engaiolante, por veces vertixinosa, supón a culminación dun soño: a negación da diferenza, a procura da liberdade. Dividida en catro seccións, cada unha cun ritmo e cun alento diferenciado, admite varios niveis de lectura, pois é, ao mesmo tempo, novela de aventuras, de viaxes e de pausada reflexión. Unha novela que non vai deixar indiferente a quen se adentre no proceloso mar da escrita de Queipo.
Xavier Queipo (Santiago, 1957), licenciado en Bioloxía e Medicina e Cirurxía, desde 1989 vive e traballa en Bruxelas como funcionario da Unión Europea. É un dos autores que durante a década de 1990 incorporou á narrativa galega rexistros e temas nos que salientan a heterodoxia e o gusto pola hibridación cultural. En 1990 obtivo o Premio da Crítica Española con Ártico e outros mares, libro ó que seguirían os relatos de Ringside (1994) e O ladrón de esperma (2001, Premio Café Dublín) e as novelas O paso do noroeste, coa que obtería o Premio García Barros en 1996, Malaria sentimental (1999), Papaventos (2001) e Dragona (2007).
Seguindo unha liña de confluencia de xéneros e ruptura de lindes narrativos, publicaría Diarios dun nómada (1994), Contornos (1995), Mundiños (1995), Manual de instruccións (1999) e Os ciclos do bambú (2004). Nos dominios de leviatán (2001) é a súa achega ao eido da poesía. En 2007, publicou na colección Costa Oeste a novela curta Saladina.
Saber máis »