CASALDERREY, FINA
Esta historia iníciase cando, a través dunha nota necrolóxica nun xornal, Auria descobre unha terrible e misteriosa razón que a empuxa ó suicidio. Por medio de Merche, o diario de Auria, e dun narrador revivimos unha viaxe por Europa. O presente e o pasado avanzan paralelos. Os capítulos do pasado van dando claves para descifrar a situación actual. O descubrimento do amor, o sexo, o aborto, a amizade, os estudios, as relacións familiares... xorden dese fío argumental que resulta ser a viaxe.
Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1952) é unha das escritoras máis recoñecidas, traducidas e premiadas no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega. Deuse a coñecer con Mutacións xenéticas (1991), novela á que seguirían, entre outros títulos, Dúas bágoas por máquina (1992, premio Merlín), Chamizo (1994), ¡Asústate, Merche! (1995), O misterio dos fillos de Lúa (1995, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), O estanque dos parrulos pobres (1996, premio Edebé), ¡Prohibido casar, papá! (1996), ¿Sobrevives? (1996), ¡Puag, que noxo! (1997), O misterio do cemiterio vello (1999), Bicos de prata (2000) e A máscara de palma (2000).
A narrativa de Casalderrey distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións e por un ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense.