ZÚÑIGA, IOLANDA
Na ruindade a pé do asfalto, na vida deshabitada a pé da rúa, pálpase o medo á soidade, ao abandono, ao engano. Cando fracasa o entendemento, o odio prende nos fentos secos da rutina e medra un desamor incendiario, abafante, verdugo. Amor amén, o primeiro poemario de Iolanda Zúñiga, a autora de Vidas post-it, é un monologo fragmentado, un berro que fala das lesions multiples, dos golpes amargos, das fracturas a peito aberto, que se enquistan provocando adiccion. Amor amén é unha ofrenda arida aos desamores idiotas, torpes, suicidas, que fecundan as nosas biografias fabricando, do futuro, desencanto.
Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975). Naceu propulsada pola forza centrífuga do baby boom dos setenta. Aleitouse do cheiro a peixe fervendo en hercúleas olas a presión. Medrou na amable periferia rural dunha ruda cidade industrial, nun tempo no que as fábricas conserveiras desaparecían, o artesanado nos productos do mar minguaba e para eses espazos proxectábanse apartamentos de luxo. Xogou ao funambulismo sobre as vías dun tranvía extinto e a capturar soños cun ganapán furado. Desenvolveu media ducia de oficios. Últimamente escribe. Publicou o poemario ''Amor amén'' (Xerais 2008), e os libros de relatos ''Vidas post-it'' (Xerais 2007) e ''Noites de Safari'' (Xerais 2018). Con ''Periferia'' obtivo o Premio Xerais de Novela 2010.