JARES, XESÚS R.
Malia posuíren unha finalidade educativa en si mesmos, os xogos non son neutrais. A través deles podemos aprender uns valores determinados, de aí a importancia de seleccionalos. Os presentados en Técnicas e xogos cooperativos para todas as idades teñen unha característica especial: aínda que habitualmente nos xogos a competitividade é o elemento que mantén a tensión, neste caso enfatízanse as estratexias cooperativas para a súa execución, de tal xeito que non hai gañadores nin perdedores; todos participan por igual sen quedar ninguén excluído. Estes xogos e dinámicas cooperativas foron utilizados en distintas situacións e con idades diferentes para construír grupos vertebrados desde o mutuo coñecemento, a confianza, a comunicación, a ledicia e a cooperación. Esta obra de Xesús R. Jares resultará moi útil para o profesorado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e da Universidade, así como para os responsables das actividades de educación non formal, tempo libre, asociacionismo, etc. Do mesmo xeito, este libro tamén pode ser utilizado en grupos de diferentes tipoloxías: asociacións de pais e nais, asociacións veciñais, empresas, etc.
Xesús R. Jares é Catedrático de Didáctica e Organización Escolar na Universidade da Coruña. Cátedra obtida co perfil "Modelos de Educación para a Paz e o Desenvolvemento". Coordina desde 1983 o colectivo Educadores pola Paz de Nova Escola Galega. Foi presidente da Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ) e na actualidade preside a Asociación Galego-Portuguesa de Educación para a Paz (AGAPPAZ). Deseñou e coordinou o proxecto multidisciplinar e solidario Construír a paz. Cultura para a paz nos anos 1995-1997. Tamén foi o deseñador e coordinador do Programa educativo municipal Aprender a convivir do Concello de Vigo nos anos 2000-2003. Ademais deste, ten publicado en Edicións Xerais outros catro libros: Educación e dereitos humanos. Estratexias didácticas e organizativas (1998), Construír a paz. Cultura para a paz (Cdor., 1996), Aprender a convivir (2001, 3ª edición en 2006) e Técnicas e Xogos cooperativos para todas as idades (2005).