FERNÁNDEZ PAZ, AGUSTÍN
Coma se fosen as pedriñas coas que Hansel marcaba os seus pasos pola espesura do bosque, O rastro que deixamos reúne por vez primeira traballos dados a coñecer por Agustín Fernández Paz en diferentes medios e contextos ao longo do tempo, así como outros que permanecían inéditos. Neles, o autor aborda un regueiro de episodios fundamentais na súa vida, retallos da memoria que nos permiten achegarnos á ética e mais á poética do escritor.
Estes rastros son unha mostra de dúas liñas de traballo esenciais, a memoria da infancia e o oficio da escrita. Na primeira parte, baixo a epígrafe «As paisaxes da memoria», reúnense escritos onde predominan as vivencias da nenez e da mocidade, naqueles anos en que asistiu á creación do mundo na súa Vilalba natal. Os textos da segunda, titulada «O oficio de escribir», fálannos da súa paixón pola lectura e pola escrita, así como da súa fe na forza das palabras para cambiar o mundo e cambiar a vida.
Como ocorre nos libros de ficción de Fernández Paz, estas páxinas seducen pola claridade das ideas e polo engado con que se expresan. Ademais, permítennos adiviñar as pegadas das experiencias vitais na súa obra e descubrir os fundamentos do oficio de narrador, o termo no que o autor mellor se recoñece.
Cada unha das dúas partes péchase cunhas páxinas narrativas; a primeira, cos relatos «A mirada de Clara» e «Cando nacen as estrelas»; a segunda, cun peculiar e irónico conto por palabras, «Reflexións sobre a precariedade laboral». Estes relatos amosan como o autor constrúe os textos de ficción cos vimbios da súa vida, unha vida que traslada logo aos seus personaxes. Quizais isto explique por que a súa produción literaria recende a verdade e conta co aprecio dun público tan amplo e tan diverso.
Naceu en Vilalba no ano 1947. Mestre e licenciado en Ciencias da Educación, desenvolve a súa actividade profesional no ensino. Despois de exercer o maxisterio en diversos centros escolares, traballou no gabinete de estudos para a Reforma Educativa e, na actualidade, é coordenador docente de Lingua Galega na cidade de Vigo. Aínda que é autor de moitos traballos sobre cuestións pedagóxicas e relacionadas coa literatura infantil e a normalización lingüística, Fernández Paz debe a súa popularidade como escritor á súa obra narrativa, recoñecida dentro e fóra de Galicia con numerosos premios. Entre os seus libros destacan A cidade dos desexos (1989), As flores radiactivas (1989, premio Merlín), Contos por palabras (1990, premio Lazarillo), Lonxe do mar (1991), O tesouro do dragón Smaug (1992), As tundas do corredor (1993), Rapazas (1993), Trece anos de Branca (1994, premio Edebé) e Unha lúa na fiestra (1997).