ANGUEIRA, ANXO
Este novo poemario de Anxo Angueira é un canto centrado en Vigo, na persoal fisionomía da cidade, na súa capitalidade cultural, literaria e política a respecto de Galicia. Enxurrada onomástica que escolle a propia palabra Vigo como centro dun remuíño, e que especialmente se refire a nomes de persoas da memoria política do autor; o texto é un único poema en que se dilata e se fragmenta, se prende e se leixa, se fía e desenfía arredor de Vigo. Arredor dos múltiples Vigo, pois "Fóra do sagrado" fálanos dun Vigo que, a pesar da súa centralidade, resulta moitas veces contracanónico, arraiano, exterior, maldito, irredutible. E fálanos de Vesteiro Torres e Martín Códax, de Lavadores e do Berbés, dun Vigo de Rosalía de Castro e de Rotbaf Luden, do 36 e do 72, de Bembrive e de Príncipe, o Vigo dos trasantlánticos e o dos cabalos bravos do Galiñeiro. En definitiva, Vigo asalta o papel protagonista que para o autor merece na paisaxe literaria de Galicia.
Anxo Angueira (Manselle, 1961), profesor da Universidade de Vigo, vén desenvolvendo a súa actividade investigadora no ámbito literario, centrándose no Rexurdimento (Rosalía de Castro, Fernández Morales, Curros Enríquez e Sarmiento) e na obra de Méndez Ferrín, sobre quen realizou a súa tese Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego (2009). Como poeta destacan os seus títulos O valo de Manselle (1996) e Fóra do sagrado (2007). Leva publicadas no ámbito da narrativa obras como Bágoas de facer illas (1997), Premio Dublín de Narrativa; Pensa nao (1999), Premio Xerais de Novela, Terra de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro (2002) e A morte de A. (2003). Con Iria (2012), obra en certo sentido continuadora de Pensa nao, regresa á novela.