REIGOSA, CARLOS G. / CASTRO FERNÁNDEZ, XOSÉ ANTÓN
O pintor Manuel Colmeiro (1901-1999) é unha figura cume do Movemento Renovador da Arte Galega, xunto con Maside, Torres, Souto, Laxeiro, Eiroa e Fernández Mazas. Tamén é un protagonista indiscutido da «École Espagnole de Paris», que agrupa creadores como Picasso, Dalí, Miró, Gris, Bores etc., cos que participou en numerosas mostras.
Colmeiro non só contribuíu a un novo xeito de interpretar a «estética do granito», fundindo a tradición e a etnografía galegas coas linguaxes vangardistas europeas, senón que aportou unha nova maneira de entender a pintura-pintura, por riba da estrutura narrativa, sendo así un dos primeiros cultivadores da abstracción en España.
O pintor estivo exiliado primeiro en Bos Aires e despois en París. As numerosas mostras individuais en prestixiosas galerías de arte e institucións españolas e francesas tiveron o seu colofón na antolóxica que lle dedicou o Museo Español de Arte Contemporáneo en Madrid en 1983, que marcou o seu retorno definitivo a España.
Colmeiro por si mesmo acolle tres reveladoras conversas co artista, feitas a finais da década de 1980 por Xosé Antón Castro e Carlos G. Reigosa. Nelas, Colmeiro descobre as claves da súa vida e da súa obra, ao tempo que define a natureza do seu compromiso político e da súa linguaxe creativa, tan galega e tan universal.
Carlos G. Reigosa (A Pastoriza, 1948). Licenciado en Ciencias da Información e Ciencias Políticas. Xornalista e membro do Consello Asesor da Fundación do Español Urxente (Fundeu). Como narrador ten publicadas as seguintes obras: "Oxford, amén" (1982, Xerais 2006), novela; "Homes de Tras da Corda" (Xerais 1982, 2000), relatos; "Crime en Compostela" (Xerais 1984, 2005), Premio Xerais de novela; "As pucharcas da lembranza" (Xerais 1985), relatos; "Irmán Rei Artur" (Xerais 1986, 2000), relatos; "O misterio do barco perdido (Xerais 1988, 2005), novela; "Os outros disparos de Billy" (Xerais 1991); "A guerra do tabaco" (Xerais 1996, 2005), novela; "Narcos" (Xerais 2000), novela, Premio Benito Soto 2001; "Intramundi" (Xerais 2002), novela; Pepa A Loba" (Xerais 2006), novela; "A vida do outro" (Xerais 2009), novela, Premio Gonzalo Torrente Ballester 2008; "A lei das ánimas" (2010), novela; "Tras da Corda" (Xerais 2012), relatos; "A vitoria do perdedor" (Xerais 2013), novela; "A vinganza do defunto" (Xerais 2014), novela e "Segredos de Bretaña" (Xerais, 2016), novela. Publicou o libro de poemas "Kid salvaxe" (Xerais 2014), ademais de varios libros de investigación e ensaio xornalístico, entre eles, "Fuxidos de zona" (Xerais 1989), reportaxe; "Doutor Livingstone, supoño" (Xerais 1998), ensaio; "O regreso dos maquis" (Xerais 2004), reportaxe; "Laxeiro por si mesmo" (Xerais 2008), conversas; "A agonía do león" (Xerais 2011); "A Galicia máxica de García Márquez" (2009, Xerais 2013); "Colmeiro por si mesmo", escrito en colaboración con Xosé Antón Castro (Xerais 2015) e "A morte de Valle-Inclán", en colaboración con Javier del Valle Inclán e José Monleón (Xerais, 2016).