GARCÍA TEIJEIRO, ANTONIO / ENRÍQUEZ, LÁZARO (Ilustración)
"Chove nos versos" é un novo poemario de Antonio García Teijeiro dirixido ao público infantil e xuvenil. Artellado tematicamente arredor da idea da chuvia, a obra divídise en catro apartados: "As choivas no calendario", "Chovendo miudiño", "Chovendo a mares", e "Longa noite de chuvia", unha homenaxe explícita a Celso Emilio Ferreiro. Versos consonantes sobre pés clásicos, sonoridade baseada en aliteracións, metáforas luminosas caracterizan este longo poemario onde o autor volve dialogar cos seus poetas máis amados: dende Rosalía de Castro, Luis Pimentel, Celso Emilio Ferreiro a Nicolás Guillén.
As pinturas de Lázaro Enríquez, de trazo firme, expresan os múltiples matices da chuvia, metáfora visual do paso do tempo, convertendo ao libro nun álbum poema, feito inédito ata agora na edición infantil en galego.
(Vigo, 1952). Mestre e escritor especializado en literatura infantil e xuvenil. É autor de obras didácticas, poesía e narrativa, entre as que destacan Na fogueira dos versos (Premio Merlín 1996), A chave dos soños, Unha chea de aloumiños e Palabras envoltas en cancións. En 1998 recibiu o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio.
Recibiu en 2007 o Premio Luna del Aire de Poesía Infantil pola obra Estela de versos, escrita conxuntamente con Rafael Cruz Contarini.